Final esperado. Relato gañador no concurso de narrativa 2015 de Ames.

Recordo eses intres na beira do río, agarrados da man, movendo os pes entre as augas frías e sentindo ese cosquilleo dos peixes entre as dedas. Pasabamos días e días mirándonos ós ollos, ás veces entre un silencio prolongado, un silencio que nin sequera chegaba a molestar. Con el todo era fermoso. Era un compañeiro, un amigo, ese alguén da infancia. Unha persoa que se quedou agarrada ao meu pensamento e ao meu corazón.

El, de olliños marróns, beizos carnosos e suaves, orelliñas pequechas, el e só el estivo para sempre en min. Eu, esa mesma persoa que se atopaba fai un mes entre as sabas brancas, axudada a respirar e continuar adiante só por unhas máquinas e agullas alexábase moito de aqueles tempos nos que nin correr centos de metros polo monte agarrada da súa man a fatigaban. Agora parecía un paxaro ao que lle cortaran as ás, ao que lle arrebataran a súa liberdade. Esa liberdade pola que sempre estivo marcada a súa vida, coa que percorreu os camiños entre versos que saían dos seus beizos.

Aquela mañá eu estaba na cama entre as sabas frescas, coa ventá aberta, esperta e escoitando o cantar dos paxaros, cando unha pedriña deu un leve golpe á miña ventá. Levanteime amodo, xa pensando nel, mirei pola ventá. Estaba collendo unha margarida, entretido. Nese intre collín a pedriña e deixeina caer aos seus pes, xirouse e mostroume un dos seus doces sorrisos. Unha margarida fermosa estaba máis tarde entre os meus cabelos que vagaban libres polo aire rozando levemente as súas meixelas. Era verán, unhas raioliñas de sol que quentaban as pernas facíanme recordar os meus tempos de pequena paseando cos meus pais pola praia á que iamos, os mesmos paseos que daba agora con esa outra persoa á que máis quería.

Recordo que pasamos polo pobo, tras falar con catro mozos amigos seus achegámonos á libraría de Don Manolito e collemos emprestado un libro de poesía. Era unha marabilla estar ao seu carón, entre as árbores escoitándoo recitar uns versos de Diaz Castro ou Rosalía mentres que acariñaba ao meu gato que rapidamente miañaba e corría tras un paxaro. Este batía as ás amodiño tentando voar pero sen sequera chegar a alzar o voo, era coma un xogo de baile entre os dous animais. Un gato negro dando voltas atrás dun paxaro coma se fora unha moza nunha festa á que lle tentaba pedir para bailar. Nunha desas o gato cansou de tanto xoguetear e tentou rabuñar ó paxariño, o cal decidiu arrecuar e marchar. Foi no instante no que o paxaro voaba cando me comezou a recitar preto do oído “Dulce pajarillo alado”. Aínda se me pon a pel de galiña polo pescozo e brazos cando recordo aquel intre, e sinto mesmo os seus beizos reproducir as verbas do poema lentamente e cunha voz doce e grave á vez. Algo máxico que só posuía el.

Cando xa era mediodía decidimos marchar. Cando chegamos ao pobo, despedímonos na beira do camiño que levaba á súa casa. Acariñoume e cando xa comezara a andar lanzoume un bico. Encamiñeime cara a miña casa, a uns metros da porta xa arrecendía a pastel de moras. Miña avoa non se percatou da miña presenza ata que lle deixei un ramo de rosas enriba da mesa da cociña e lisquei correndo cara o meu cuarto sorrindo.  Uns minutos despois chega a darme unha aperta e un anaco de pastel. Cando rematei o pastel acurruqueime xunto ao meu gato e agarimeino, e quedei durmida entre os seus miaños.

Espertei de súpeto, o corazón latíame forte e todo me daba voltas. Era outra vez un deses pesadelos. Sempre se repetía o mesmo. Eu, miña nai, meu pai e de súpeto a imaxe dun coche ardendo e logo os seus ollos mirándome, sangue nas miñas mans. Sempre era o mesmo soño que me atormentaba dende había anos e me facía tremer. Parecía unha especie de sinal, coma se algo fora a pasar. Cando tiña eses soños só quería apertalo e sentir as súas palabras doces, tiña medo, non quería perder a ninguén máis.

Esta tarde non saín, el tiña que ir buscar ao seu irmán á estación. Cando o vin, dende a ventá, pasaba polo camiño de enfronte ata o coche de Xurxo. Segundos despois o motor ruxía e un coche arrincaba a fume de carozo pola carreteira mentres me sobresaltaba e pegaba un chimpo. Miña avoa apareceu por detrás soltando un “Arre demo, ese rapaz vai acabar levando un desgusto calquera día” e apañou o prato onde comera o pastel, deixándome no seu lugar roupa limpa para o armario.

O certo é que nunca me gustara ese Xurxo, sempre fora un trallas. Non había un día no que non armara algunha falcatruada. Sempre andaba tras de todas as mozas e non fora nunca bo nos estudos, estivo con mala xente dende que marchou a vivir á cidade. Pero aínda así témoslle algo de aprecio por coñecelo de toda a vida.

O resto da tarde estiven lendo, mentres que o meu gato camiñaba polo borde da ventá buscando un recuncho para pórse ao sol. A cada pouco pensaba por onde andarían el e Xurxo, e cando chegarían. Púxenme a mirar pola ventá cando xa se estaba a facer de noite. De súpeto escoitei un estrondo forte, ao primeiro pensei neles, no coche…pero escoitei outro estrondo similar e nese intre puiden escoitar os berros da xente. Púxenme nerviosa. Sen saber como, empecei a tremer e andaba a dar voltas sen sentido pola habitación buscando sabe deus o que. E se lles pasara algo a eles?

Baixei as escaleiras correndo, que demo pasara? Chamei por miña avoa e non estaba. Vin un papel no que poñía “Voume facer un recadiño, deica logo”. Fun entón ata a casa da veciña, e non estaba. Recorrín os arredores, non había ninguén salvo catro homes correndo para o monte e falando de disparos.

Un calafrío recorreume de arriba a abaixo cando pasou diante miña un home con panos cheos de sangue e unha muller me agarrou levándome lonxe da masa de xente que transportaba un corpo. Eu retorcíame, pelexaba por librarme dos seus brazos sen deixar de mirar aquel corpo que deixara un rego de terra e se atopaba entre tanta xente. Cando vin as zapatillas azuis, vellas e gastadas, a súa saia a conxunto…comecei a berrar. Pero metéronme na casa dicíndome que debía quedar na casa e esperar. Era ridículo que me dixeran que me tranquilizara nese momento. Levando todo por diante abrín a porta e corrín tras da xente ata chegar e sentarme xunto ó seu corpo empapado en sangue. Un berro saíu do máis fondo da miña alma feita po, tiña as mans cheas de sangue, e mirábaas coma naquel pesadelo que me atormentaba case todas as noites….Agarráronme da cadeira, levanteime e tras sentir as súas mans biqueino. As miñas bágoas mollaban os seus beizos. As miñas mans ensanguentadas deixaron a marca no seu pescozo.

Aquela noite non durmín, fóra para a casa con el. Deiteime en canto cheguei. Non probara bocado, o único que precisaba era cerrar os ollos e afastarme de todo, e nin respirar ben conseguín. Din voltas na cama, chorei, arranquei as sabas coa rabia e senteime no solo do cuarto a observalo mentres durmía. Non se me ocorreu máis ca susurrar un grazas agradecendo que a el non lle pasara nada. Levanteime e fun ao lavabo. Non quería máis que durmir, durmir para sempre. Abrín o caixón…

Unhas mans frías agarrábanme a cabeza forte e acariñábanme o pelo. Escoitaba falar a alguén pero os meus ollos abríanse e cerrábanse lentamente e todas as imaxes estaban borrosas. Agora estaba nun cuarto branco e verde, cun camisón de hospital, chea de agullas cravadas na miña pel. Podía ver unha pequena gotiña de sangue caendo polo brazo abaixo. Estaba chea de cortes, pero iso non era nada novo. Había anos que a miña pel se acostumara á pequena dor e ó tacto frío do desgarro metálico.

Ulía a mediciñas. A cada pouco vía pasar mulleres e homes vestidos de branco. Todo era tan claro e branco que parecía que estaba no ceo. A cabeza dábame voltas. Según me dixeron, tomara unhas pastillas para tentar durmir, e cando el espertou e me viu tirada sangrando no solo, asustouse. Eu sabía que as tomara sen sequera contalas, mentres me miraba ao espello e vía nos meus ollos reflexados os de miña avoa e deixaba o meu brazo cheo de pequenas raias sangantes.
Estiven uns meses ingresada, disque por seguridade. Quizais era verdade o de que coa perda de alguén importante podes volverte tola, pero realmente iso non pasou, ou iso creron os médicos. Aínda así cada vez que espertaba e vía ao meu gato, os seus ollos recordábanme a ela, pero iso era un mero xogo da miña mente coma moitos outros.

Xa pasaran unhas semanas dende aquela. Eu vivía na casa soa, realmente non me daba medo, nin o recordo de miña avoa me producía xa tanta dor coma esperaba. Pero ese condenado gato…Por sorte, o animal rematou por morrer, perderse ou simplemente fuxir da casa. Ou iso lle dixen a todos tras volver aquel día do monte coas uñas cheas de terra e cor vermella, e os ollos vermellos e mollados. Foi unha maneira máis de desprenderme do último que me quedaba da miña avoa e aprender  a sentir menos. Só necesitaba a aquel rapaz de ollos marróns para vivir e a idea de perdelo a el tamén non abandonaba a miña cabeza.

Día a día me espertaba cun bico seu, cunha cunca de zume de laranxa e unhas galletas da súa tía. Nada cambiou co paso do tempo, salvo que nos fixemos máis vellos, a xente do arredor se foi perdendo e as margaridas que me poñía secaron coa nosa marcha do pobo. Quedaron atrás as margaridas, o meu gato negro, a miña casa da infancia e todos os recordos. Quedou atrás todo menos el. Menos nós.

Dirixímonos xuntos a cumprir o noso soño, a vivir preto do mar. Xa dende pequena quería vivir onda o mar, respirar tódalas mañás ese aire fresco, camiñar descalza pola beira da praia e recoller pedriñas e cristais pulidos. Cos nosos aforros arrendamos unha casiña ao carón dunha praia. Era pequena, con un cuarto, a entrada cunha pequena mesa de madeira e unha pequena cociña chea de luz e aroma a froita. Tamén tiñamos a nosa barquiña vermella e azul, coa que ás veces saíamos ao mar e desfrutábamos das vistas e do aire fresco. Pasábamos os días agarrados sentados nunha pedra mirando as gaivotas rozas a auga coas ás ao voar. Realmente os dous eramos de abondo para ser felices, nin sequera pensamos en fillos ou en amigos nin familia. Non pensabamos en nada máis ca estar sempre pegadiños ao mar. Xuntos.

Todo parecía un conto cun final fermoso. Unha vida chea de desgrazas coma a morte de toda a miña familia que deu lugar a unha historia de amor perfecta, a unha vida por fin feliz. Pero eu realmente por moito que lera poesía con el, nunca crera nun final feliz. Sempre estivo presente ese pensamento de “e se…quedo sen el?”.

Eu sabía que non estaba ben todo o ocorrido, todo o que fixen. Ninguén podía ver o que se atopaba realmente no meu subconsciente, ás veces ata eu mesma me sorprendía do mala persoa que podía ser, e tíñame asco a min mesma. Esa imaxe falsa de rapaza doce, bonita, querida por todos, arroupada todas as noites polo home perfecto…a realidade era ben distinta, como sempre se di, as aparencias enganan.

E porén alí estaba eu aquela tarde de inverno a carón da súa lápida, coa chuvia caendo polos meus cabelos e o meu sorriso, mentres sentía que co fin da súa vida, o seu amor me pertencía para sempre. Agora si.

……….
El día 23 de Abril se presentará el libro con este y más relatos. :)👌👒

Anuncios

3 Comentarios Agrega el tuyo

  1. messieral53 dice:

    Saludos, una vez más! He nominado tu blog al premio Bloguera con Buen Rollo. https://messieral.wordpress.com/2016/03/15/messieral-nominado-al-premio-bloguero-con-buen-rollo/

    Le gusta a 1 persona

    1. Ketsalli dice:

      Oh!! que bien. Muchas graciaaas, un abrazo fuerte

      Me gusta

    2. Ketsalli dice:

      El premio lo incluiré en la página del blog de los premios. Muchas gracias !!1

      Me gusta

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s